Cal é a orixe das nosas pallas de sabugueiro? En Atalanta somos moi fans dos batidos e dos zumes de froita, pero a utilización das pallas dun só uso non vai coa nosa filosofía.
Traballamos, na medida do posible, con provedores de proximidade, madeira de produción sostible, acabados respectuosos co medio ambiente e diminuíndo a produción de residuos.
Empregamos unha parte da labra xerada ao tornear para embalar os nosos produtos, conseguindo así unha presentación moi persoal á vez que as pezas van moi protexidas dos posibles golpes no transporte. Deste xeito diminuímos a pegada ecolóxica e evitamos o uso de plástico.


No noso día a día propoñemos novos usos para a madeira creando obxectos versátiles. Habitualmente, a solución a estes retos está diante dos nosos ollos, como nos sucedeu coas pallas de sabugueiro.
Despois de refugar unha chea de propostas, realizar estudos e probas atopamos a solución ideal: empregar madeira de sabugueiro (sambucus nigra).
A materia prima coa que elaboramos as pallas de sabugueiro
O sabugueiro forma parte da cultura popular galega. Ata non fai moito era un arbusto case indispensable nas nosas casas debido aos seus usos culinarios e medicinais.
É abundante na nosa contorna e ten unha gran rexeneración anual, ideal para o noso propósito.
Unha das principais características das ramas do sabugueiro é o seu centro brando. De feito os nenos usábano para fabricar os seus propios «tira tacos» (os precursores das «cervatanas» feitas con bolígrafo Bic dos 80).
O proceso de produción das pallas de sabugueiro
Aproveitando esta característica singular do sabugueiro, na época de poda, recollemos as ramas co grosor adecuado e comezamos o proceso de produción das pallas de sabugueiro:
- Cortamos.
- Baleiramos o interior.
- Eliminamos a cortiza.
- Lixamos.
- Curamos.
- Esterilizamos.

Conseguimos así unhas pallas de sabugueiro que son únicas, reutilizables, ecolóxicas, sostibles e cunha materia prima 100% galega.
Por que son únicas nosas pallas de sabugueiro? Cada unha é diferente ás demais xa que están feitas a man respectando a forma da rama da cal proveñen.
Como son estas pallas de sabugueiro? Teñen 14 cm de longo, posto que é a distancia máis frecuente entre nós nun crecemento, e grosores que oscilan entre 9 e 14 mm.

As pallas de sabugueiro de Atalanta están dispoñibles na nosa tenda en liña nunha práctica bolsa de algodón orgánico cun cepillito para facilitar a súa limpeza. Ademais, nos nosos consellos de conservación podes atopar como coidalas para que te acompañen durante moitos anos.

