O noso lema en redes é «A beleza do sinxelo». Cada vez que un novo proxecto ve a luz, non deixamos de sorprendernos ao comprobar que sempre cumprimos coa nosa filosofía de traballo.
Unha das cousas que máis chamou a atención cando o ano pasado presentamos as paneras-artesas, foi a transformación da súa tapa en bandexa.
O seu tamaño facíaa ideal para levar o pan á mesa, pero tamén para uns cafés, uns groliños de licor, unhas infusións ou unha pequena merenda.
Foi por iso que nos decidimos a sacar a bandexa soa. Así xurdiu Abeleda.


Abeleda ten a súa orixe nos esgrafiados da Ribeira Sacra
Á hora de deseñar Abeleda tiñamos claro que queriamos facer unha bandexa de madeira, coas asas de coiro e pintada a man, pero atopar os motivos decorativos non foi sinxelo. Buscabamos orixinalidade no debuxo, personalidade, sinxeleza nos trazos…Ao final atopamos a resposta, como case sempre, na tradición: os esgrafiados da Ribeira Sacra.



Unha técnica ancestral de enlucido con cal que se aplica nos muros exteriores das edificacións e que tiña finalidades arquitectónicas (reforzando os muros e evitando a humidad), decorativas (mostra os gustos de cada época), simbólicas (protección mediante cruzamentos ou símbolos astrais), comunicativas (no caso das xerras que invitaban a facer un alto no camiño) e hixiénicas (pola propiedade antiparasitaria da cal).
Despois de estudar os diferentes motivos que se usaban nos esgrafiados decidímonos polas vírgulas ou gotas. Un patrón sinxelo e versátil que estampado sobre o azul escollido como fondo da bandexa Abeleda, expresa en boa medida, as nosas inquietudes.
Cando empezamos a estampar as primeiras bandexas Abeleda descubríronse, a só un par de quilómetros do noso taller (no lugar de Ou Sol, na parroquia de Callobre), uns esgrafiados nun antigo taller de ferreiro ao pé da N-640. Todo parece indicar que están emparentados cos da Ribeira Sacra como os que usamos para as nosas bandexas Abeleda. A casualidade tamén é bela.

