
O comercio de torneado de madeira está vinculado á nosa familia, polo que sabemos con certeza, desde principios do século XIX.

A FAMILIA NEIRA: TORNEIROS DENDE SEMPRE
A primeira mención fiable dun Neira que se dedicaba á torneiría data de 1808 e débese, curiosamente, a un fatal erro.
Nese ano as tropas napoleónicas invadiron España. Na aldea do Ulla, parroquia de Berres, un home chamado Felipe Neira (o avó do avó do noso avó) pediu axuda a un grupo de soldados que viñeron a esta aldea sen saber que estaba no lado equivocado. Os soldados franceses atrapárono e matárono no cruceiro de Cuntis. Esta historia, que permanece na tradición oral, tamén conta que este home xa era un torneiro. Sospeitamos que non foi o primeiro da saga familiar, pero non temos ningunha referencia previa.
DENDE O SÉCULO XIX ATA HOXE
Dende entón o oficio na nosa familia foi pasando de pais a fillos, cousa moi común nos oficios tradicionais. O xeito de traballar foise adaptando aos tempos e á evolución da maquinaria. Nun primeiro momento o torno co que se traballaba era un torno de vara (que era semellante a un tear, cunha longa vara de madeira flexible que facía as veces de resorte conectada a un pedal co que se xeraba o movimento), co que os torneiros de Berres traballaron ata os anos 30 do século pasado . Despois e en pouco máis de 20 anos, pasaron polos tornos de pedal, hidráulicos, os de corrente (que comezaron xerando eles mesmos aproveitando a forza da auga e de paso dotando de luz eléctrica ás súas casas) e os copiadores. Ata a chegada dos de corrente, os propios artesáns eran os que facían as máquinas e las ferramentas. O noso avó viviu en primeira persoa toda esta evolución e nola contaba con paixón.


