A parroquia de Berres, no Concello da Estrada (Pontevedra), estivo sempre vencellada ao oficio de torneiría, do que é difícil aventurar a súa orixe ao tratarse dun ofico tradicional que se transmitiu de xeración en xeración. . Aínda que hoxe somos poucos os que nos adicamos a isto, Berres foi famoso pola habilidade e o bo facer dos seus torneiros ata ben entrado o século XX. De feito, cando comezaron a establecerse as primeiras fábricas de mobles na Estrada, nos anos 30 do século pasado, a maioría dos traballadores que alí o facían eran de Berres.
UN TERRITORIO SINGULAR
Berres está situado xunto ao río Ulla, rodeado dun exuberante bosque de ribeira onde medra unha grande diversidade de árbores autóctonas. Isto significa unha grande abundancia de madeira de diferentes tipos, a materia prima coa que traballamos no torneado artesanal. Carballos, bidueiros, castiñeiros, sabugueiros, ameneiros, freixos… conviven nun espazo no que o uso tradicional da madeira sempre foi respectuoso co bosque . A nosa relación co bosque é unha verdadeira simbiose.
Ademais, o río proporciona un terreo moi fértil, tanto para a agricultura como para o rápido crecemento do propio bosque. Auga, terra e bosque conviven en equilibrio.
Non se podería entender a torneiría de madeira sen a presenza do río e os seus bosques.
BERRES E OS TORNEIROS
Non sabemos exactamente a orixe do oficio de torneiros en Berres. No catastro do Marqués da Ensenada, realizado para organizar a recadación de impostos para o rei Fernando VI a partir de 1749, xa hai un inventario dos que exercen o oficio de torneiro en Berres, entre os que o noso apelido Neira é o máis frecuente: “Reimundo de Neira, Domingo de Neira, José Rey, Alberto Trigo, Benito Blanco, Felipe Blanco, Juan de Neira, Sebastián de Neira, Juan Bernárdez, Pascual de Bascuas, Roque de Neira, Domingo de Neira, Andrés Blanco, Juan Figueira, Pascual de Neira, Mateo de Neira “.
A torneiría era un oficio complementario da agricultura. O noso avó contábanos que o traballo se facía na casa en momentos nos que non era posible traballar no agro, especialmente no inverno. Utilizábase o chamado “torno de vara” que ocupaba unha habitación da casa. De aí pasouse ao torno de pedais e, xa no século XX, ao torno eléctrico, coa electricidade que os propios torneiros (afeitos a facerse cargo de todo o proceso de produción, dende o corte e secado da madeira ata a fabricación das súas propias ferramentas ou vender as pezas nas feiras) xeraban aproveitando a forza da auga do regueiro. Esa mesma electricidade empregábase pola noite, cando non se traballaba, para iluminar as casas da aldea.
A proximidade do Pazo de Oca (coñecido como “o Versalles galego” pola magnificencia dos seus xardíns barrocos) a só 5 km de Berres proporcionou unha materia prima moi apreciada: o buxo que abonda nos seus xardíns, unha madeira ideal para o torneado. e que os torneiros de Berres eran os únicos autorizados a recoller cando os temporais dos invernos tiraban algúns exemplares, tal era a súa fama. Con ela fabricáronse utensilios e pequenas pezas para a cociña.
UTENSILIOS TRADICIONAIS CUN AIRE NOVO
Berres produciu moitos dos utensilios de cociña tradicionais galegos feitos en madeira: culleres e garfos, os famosos pratos para o polbo, morenillos para bater o chocolate e moitas outras pezas, como as billas dos pipotes do viño do Ribeiro, que tamén se fixeron aquí .
Desafortunadamente dos máis de 30 talleres de torneiría que chegou a haber en Berres, só algúns sobreviviron. A feroz competencia polo prezo dos produtos, xunto coa baixa calidade e baixo prezo dos importados de Asia, acabou por facer a maioría das empresas inviables economicamente.
Nós somos reacias a que este oficio se perda. Cremos que debemos coidar o produto, buscar novos deseños e mellorar as calidades do que facemos: traballo sostible, con materias primas locais de moi alta calidade, respectuosas cos bosques e o medio ambiente. Por iso seguimos elaborando moitas destas pezas coas técnicas e a paixón dos nosos devanceiros pero dándolles un aire máis actual.