Encántannos os retos, non podemos evitalo. Por iso desfrutamos de cada proxecto personalizado que nos piden os nosos clientes. E se nos permiten colaborar con outros artesáns, moito mellor. Aquí é onde desenvolvemos a nosa creatividade a partires do que nos pide o cliente. Para nós non existe o concepto “isto non se pode facer”, senón que o substituimos por “imos darlle unha volta”. Dende o concepto que desenvolvemos xunto co cliente ata a realidade, embarcámonos nun proceso creativo que ten un punto de caótico, de ensaio e erro, ata que xorde a chispa de inspiración que nos leva ao resultado final . Amosámosche algúns dos proxectos máis emblemáticos de Atalanta.
FEIRACO
No outono de 2020 recibimos un correo electrónico dunha empresa de comunicación preguntándonos sobre a posibilidade de facer uns pratos especiais de madeira para a marca galega de lácteos Feiraco.
Feiraco é unha cooperativa de 2.500 agricultores galegos altamente comprometidos coa calidade e trazabilidade dos seus produtos cunha pegada de carbono mínima.
Querían realizar unha campaña de fidelización de clientes a principios de 2021, sorteando un lote de produtos feitos por artesáns galegos. Propuxéronnos facer uns pratos que estivesen gravados coas manchas típicas da pel da vaca. Algo semellante a esta imaxe.
Inmediatamente comezamos a traballar.
Primeiro seleccionamos o tipo de prato e o tamaño máis axeitado para unha ilustración como a que pediron. Comezamos cun prato de 18 cm de diámetro, modelo Aire. Tendo en conta que a filosofía de Feiraco está vencellada a produtos totalmente naturais e de calidade, cremos que a mellor proposta sería un prato de madeira natural sobre a que se pintar esas manchas en negro. Deste xeito propuxémoslles este deseño.
Para a ilustración contamos coa colaboración do taller de estampación artesanal Amorote Obradoiro de serigrafía feito a man – Obradoiro de Impresión Amorote
Mentres faciamos esta mostra e organizaban o resto do conxunto con outros artesáns, xurdiu a necesidade de que levara unha bandexa e que esa bandexa tamén tivera unha ilustración con manchas de vaca e o logotipo de Feiraco. O resultado foi este:
Tamén querían que as pezas levaran detrás a lenda. “Atalanta para Feiraco”, polo que quedaron así
Ademais do traballo de deseño e confección das pezas, tamén foi preciso facer un estoxo que reflectise a filosofía do proxecto: calidade e sustentabilidade.
Deste xeito, primeiro incluímos unha tarxeta cos consellos de conservación dos pratos que colocamos como separador entre eles ao envasalos para que non se rasquen .
Máis tarde empauetamos cada xogo de dous pratos cun arame cuberto de papel.
Cada conxunto de bandexa e pratos estaba envolto en papel e empaquetado nunha caixa de cartón reciclado.
Unha vez que tivemos a aprobación do cliente , comezou a realización das pezas, que foron entregadas en febreiro de 2021.
Moitas grazas a Feiraco por confiar en nós e darnos a oportunidade de traballar neste proxecto e por destacar o traballo ben feito dos nosos artesáns.
D-RAÍZ
D-Raíz é unha marca de accesorios de moda sostible. Ten unha tenda física eun taller na cidade da Coruña, ademais dunha tenda en liña.
Feli, que sabía do noso traballo a través dun amigo común, suxeriu que lle fixeramos unhas fibelas para un bolso. Endexamais fabricaramos fornituras para roupa e / ou complementos, pero pensamos que podería ser un desafío interesante.
Fíxonos un debuxo (case un garabato) para tomar como punto de partida.
Ao principio pensamos en facelos con taboleiro de bidueiro mariño de 15 mm de espesor e substituír o típico travesaño da fibela por un fío de cobre.
Non nos gustou moito este modelo e a Feli tampouco, polo que decidimos cambiar o deseño.
Optamos por un deseño máis grande, máis groso e de madeira, que tiña máis corpo para formar parte dun bolso.
Coa mostra final feita, comezamos a produción:
E así se ven as fibelas nas creacións de D-Raíz. Convidámoste a visitar o seu sitio web https://d-raiz.com/ e coñece as súas fantásticas propostas en accesorios e moda sostible e ecolóxica.
BEKIMAYA
En marzo de 2019 recibimos unha chamada no taller preguntándonos se podiamos facer algúns pratos para nenos.
Chamounos Alba Castro, unha galega residente naqueles intres no País Vasco que estaba a poñer enmarcha unha páxina web de crianza sostible Cría sostible | Kimaya (bekimaya.com). Alba, sabendo que en Galicia sempre houbera unha longa tradición na fabricación de obxectos de madeira, acababa de preguntarlle ao seu pai se non coñecía a alguén que lle puidese facer eses pequenos pratos. Casualmente o seu pai acababa de ver unha reportaxe sobre nós en La Voz de Galicia (Dibujar la madera en femenino, lavozdegalicia.es) e faltoulle tempo para dicirllo.
Alba quería facer uns pratos de madeira para nenos pero precisaba algo máis: pensaba que eses pratos deberían ter unhas ilustracións de animais, pero non as típicas xirafas, hipopótamos … que os nenos nunca atopan ao seu redor. Alba quería que esas ilustracións fosen de animais en perigo de extinción na Península Ibérica como o lince ou a lebre de Piornal.
Aceptamos de bo grado o reto. En primeiro lugar, propuxémoslle dous tipos de pratos que nos pareceron os máis axeitadas para os nenos: o prato redondo de 16 cm de diámetro e o cadrado que estabamos a probar nese intre, coa posibilidade de que tamén tivese un conquiño encaixado no mesmo prato para froita ou auga, ambos en madeira de bidueiro cun acabado especçifico para uso alimentario.
A Alba encantáronlle as dúas propostas e decidiu facer algunhas mostras en cada unha delas.
O seguinte paso foi decidir a técnica coa que se debía incluír a ilustración nos pratos. Suxerímoslle debuxalos con láser na propia madeira. Tamén aceptou a proposta.
O último paso antes de facer as mostras foi ter os debuxos. Para iso, recorreu ao mesmo estudo de deseño gráfico que lle estaba a crear a imaxe de marca:
Xa tiñamos o necesario para facer as mostras. E así foron:
Só quedaba un detalle: Alba quería que aparecese o seu logotipo nos pratos ao igual que o noso. Na parte traseira dos pratos colocamos os dous logotipos gravados.
Cos prototipos completamente preparados, comezou a fase de produción
En setembro de 2019 entregamos todas as pezas e así se ven na tenda en liña de Kimaya, que invitamos a visitar: https://www.bekimaya.com/comer
Graciñas Alba, por permitirnos participar neste fermoso proxecto. Foi un pracer.
SARGADELOS
En Atalanta teimamos na revalorización.
Empregamos madeiras de proximidade, case esquecidas para o uso doméstico, coma o bidueiro. Ó tempo, redeseñamos obxetos de uso cotiá para darle unha presencia máis contemporánea.
Esta filosofía chamou a atención de Sargadelos que nos propuxo facer en madeira de bidueiro unha peza do seu catálogo.
Foi así como comezou a nosa colaboración, torneando as tapas para as súas velas aromáticas que hoxe están en todas as súas tendas.
Tapas de velas aromáticas para Sargadelos
Vista superior da tapa de vela
Tapas de vela secando
Tapas listas para enviar