O noso lema nas redes é “A beleza do sinxelo”. Cada vez que un novo proxecto ve a luz, non deixamos de sorprendernos de ver que sempre cumprimos coa nosa filosofía de traballo.
Unha das cousas que máis chamou a atención cando o ano pasado presentamos as artesas (este ano haberá novidades!), foi a transformación da súa tapa nunha bandexa.
O seu tamaño facíaa ideal para levar o pan á mesa, pero tamén para uns cafés, uns chupitos de licor, infusións ou unha pequena merenda con petiscos varios.
foi por iso que decidimos sacar a bandexa soa. Así xurdiu ABELEDA.
Queriamos facer unha bandexa de madeira pintada a man con asas de coiro, pero atopar os motivos decorativos non foi doado. Buscabamos orixinalidade no debuxo, personalidade, sinxeleza nos trazos… Ao final atopamos a resposta, coma case sempre, na tradición: os esgrafiados da Ribeira Sacra.
Fotos: Mar López Sotelo
Unha antiga técnica de revoco con cal que se aplica aos muros exteriores dos edificios e que tiña finalidades arquitectónicas (reforzando os muros e evitando a humidade), decorativas (amosando os gustos de cada época), simbólicas(protección mediante cruces ou símbolos astrais), comunicativas (no caso das xerras queconvidaban a facer un alto camiño) e hixiénicas (pola propiedade antiparasitaria do cal).
Despois de estudar os distintos motivos que se empregaban nos esgrafiados decidimos polas virgulas ou gotas . Un patrón sinxelo e versátil que estampado sobre o azul elixido como fondo das bandexas, expresa, en boa medida, as nosas inquedanzas.
Cando comezamos a preparar as primeiras bandexas, a tan só un par de quilómetros do noso obradoiro (no lugar de “O Sol” na parroquia de Callobre), descubríronse uns esgrafiados nunha antiga ferrería ao pé da N-640 . Todo parece indicar que están emparentados cos da Ribeira Sacra como os que utilizamos para as nosas bandexas. Toda unha casualidade!